O luns 7 de xuño celebrouse en Lugo o foro “Sostenibilidad Urbana: las ciudades del futuro“, organizado polo xornal El Progreso. Neste encontro analizáronse os pasos para acadar o desenvolvemento dun urbanismo sostible que modifique a paisaxe urbana adaptándoa ás necesidades dos veciños e veciñas. A xornada, que foi retransmitida por streaming e pode volver verse dende a web de El Progreso e do Diario de Pontevedra, contou coa presenza do Secretario de Estado de Infraestruturas Sergio Vázquez Torrón, quen inaugurou o evento e deu paso ao exdirector de sostibilidade de Inditex Antonio Álvarez. A programación continuou coa participación do responsable de negocio de biogás de Norvento Javier Taibo, Raúl Estévez, responsable de big data do Observatorio de Sostenibilidad e a Alcaldesa Lara Méndez.

Na mesa redonda “A madeira na construción. Biooeconomía“, participaron o director da Axencia Galega da Industria Forestal Ignacio Lema Piñeiro, o director de PEMADE e catedrático da USC Manuel Guaita e o director da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo, Juan Picos, que fixeron fincapé nos usos da madeira na construción e o seu impacto medioambiental, así como o seu papel no impulso dos empregos verdes no noso país. O foro rematou coa palestra de Daniel Ibáñez, arquitecto e doutorando en Diseño por Harvard e investigador na Harvard Office for Urbanization e o Urban Theory Lab, falando das cidades sostibles do futuro, e coa despedida e agradecemento da Alcaldesa.

Tralo peche da xornada celebrouse, cos convidados e convidadas ao foro, unha visita guiada ao edificio Impulso Verde do LIFE Lugo + Biodinámico e ao proxecto de Barrio Multiecolóxico que se está a desenvolver na Garaballa. Na visita á evolución das obras do edificio Impulso Verde, os participantes e a Alcaldesa estiveron acompañados do xefe de obra de A. Valiño Miguel López e do encargado de obra de Egoin Ramón Vázquez.

Podes descargar o especial publicado por El Progreso aquí: Especial El Progreso: "Sostenibilidad Urbana. Ciudades del Futuro"