Quercus robur L.

Carballo común, roble pedunculado

Árbore caducifolia, de copa ampla, raíces profundas e casca de cor agrisada e lisa nos primeiros anos e parda e agretada na madurez. Prefire terreos silíceos con solos húmidos e fértiles. Pode acadar 40 m de altura.

Familia: Fagaceae
Xénero: Quercus

Distribución: Europa. Na Península Ibérica aparece no terzo norte e é máis escaso canto máis ao sur. Dende o nivel do mar ata os 1400 m de altitude. Abundante en Galicia.

Follas: simples, alternas, ás veces con aparencia de fasciculadas, caducas, lobuladas, aparentemente lampiñas, con pecíolo curto e aurículas na base.

Flores: unisexuais monoicas, as femininas dispóñense en grupos de 2 ou 3 sobre pedúnculos longos axilares e as masculinas aparecen en amentos colgantes.  Florece de abril a maio.

Froito: os seus froitos, as landras, son aquenios protexidos na súa base por unha cúpula con forma de cáliz recuberta de escamas imbricadas, maduran de outubro a novembro, dispóñense sentados sobre pedúnculos longos axilares, carácter que distingue esta especie do carballo albar (Quercus petraea  (Matt.), Liebl.), o cal ten ademais follas con pecíolo máis longo e sen aurículas na base do limbo.

Observacións: A súa madeira é de moi boa calidade é caracterízase pola súa dureza, polo que é moi empregada na fabricación de solos, mobles, ventás, construción de barcos, travesas do ferrocarril, etc. A súa leña é un combustible apreciado. Os froitos utilízanse na alimentación do gando doméstico e tamén son alimento para a fauna silvestre.