Edificio Impulso Verde

O edificio Impulso Verde cambiará o modelo construtivo da cidade de Lugo

A revolución que suporá o LIFE Lugo + Biodinámico vese reflectida no Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído integramente en madeira galega, e que suporá o primeiro paso para desenvolver o futuro Barrio Multiecolóxico.

Coa licitación aprobada e un orzamento dun millón de euros, Impulso Verde é «un exemplo da loita por rebaixar os impactos da emisión de CO2 ao emitir un 90 % menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470), absorbendo, ademais, 280 toneladas de emisións. Cifras importantes, se se ten en conta que o obxectivo da emerxencia climática é reducir as emisións de carbono nun 7,6 % cada ano e chegar á nulidade de emisións no 2050», segundo aclarou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

Trátase dun exemplo de construción en alta tecnoloxía de madeira estrutural en altura, o primeiro con madeira galega e catro andares e que abrirá un novo horizonte económico para o forestal galego.

 

O edificio

 

No pasado mes de agosto aprobouse a licitación da obra do edificio, que conta cun orzamento de 1.040.503 e un prazo de execución de 15 meses. Impulso Verde contará con usos municipais e colectivos e será un edificio de enerxía case nula e un modelo de construción respectuosa e sen pegada medioambiental, exportable a calquera outra cidade de España e de Europa.

Este edificio pioneiro foi concebido co propósito de transformarse nun referente do novo modelo construtivo baseado nos recursos naturais autóctonos, xa que emprega a madeira local para a totalidade da súa estrutura, creando un modelo construtivo alternativo aos edificios convencionais de baixa eficiencia enerxética.

O obxectivo deste modelo construtivo é minimizar o impacto ambiental, mellorar a calidade de vida, dinamizar o sector forestal galego e iniciar un novo modelo produtivo de alta tecnoloxía, que permitirá desenvolver o valor engadido da madeira e doutros cultivos autóctonos. Para a súa construción empregarase madeira de especies galegas procedente da xestión forestal sostible.

O emprazamento

 

O Barrio Multiecolóxico do LIFE Lugo + Biodinámico, que se desenvolverá na Garaballa, contempla unha serie de medidas como a edificación de vivendas construídas estruturalmente en madeira, a recollida de pluviais para a súa reutilización no rego de zonas verdes e a implantación dun sistema de reutilización do lixo reconvertido a biomasa. Tamén se aplicarán medidas de aforro enerxético coa reorientación dos viais e unha recuperación das zonas verdes con especies autóctonas, como o Arboretum.

O Plan Biodinámico do proxecto, presentado no 2019, é a base para a planificación deste Barrio Multiecolóxico. O barrio contempla, ademais, a creación de 1.200 vivendas coa madeira como elemento estrutural e espazos verdes comunitarios. O 45 % das vivendas serán públicas, como sinalou a alcaldesa Lara Méndez na presentación do plan, para atender as necesidades de veciñas e veciños. Para o deseño e construción das vivendas terase en conta a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética.

O fomento do uso de materiais, produtos e tecnoloxías limpas que reduzan as emisións contaminantes e de gases de efecto invernadoiro no sector da construción, así como de materiais reutilizados e reciclaxe que contribúan a mellorar a eficiencia no uso dos recursos, é unha das liñas principais do proxecto. Incidirase, ademais, no uso da madeira como elemento estrutural na construción dos edificios en substitución doutros materiais como o aceiro ou o formigón, reducindo a pegada ambiental.

O desenvolvemento

 

O Impulso Verde está deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa aplicación en cubertas e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación nun edificio de altura. Unha das liñas de acción do proxecto, denominada “Adaptación de Sistemas Construtivos con materais autóctonos de baixa enerxía incorporada e Anáise doutras tecnoloxías adaptables” incorpora o desenvolvemento dun sistema de cuberta estrutural, a Gridshell, realizada en Eucalyptus globulus. A Gridshell, o primeiro prototipo de lámina reticular, foi desenvolvido e construído como estrutura piloto por un equipo de PEMADE (Universidade de Santiago de Compostela) e foi premiada en Seúl no ano 2018 no Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira.

 

 

De uso público e con actividade permanente, Impulso Verde será un edificio de consumo enerxético case nulo, que producirá enerxía a partir de renovables para o seu autoconsumo. En canto estea edificado, será monitorizado para controlar o seu rendemento e detectar, mesmo, se pode producir máis enerxía da que consume. O seu modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74 % con respecto aos edificios de oficinas xa existentes e dun 54 % ao respecto dos de nova construción. Este edificio emitirá, ademais, un 90 % menos de CO2 que os edificios de formigón e aceiro, (50 t fronte ás 470 t) e absorberá arredor de 280 t de emisións á atmosfera.