O Barrio Multiecolóxico

O Barrio Multiecolóxico no que se encadra o Impulso Verde será o primeiro espazo convivencial onde se aplicarán deseños urbanos resilientes que se desenvolva en España. Co plantexamento e posta en marcha deste Barrio Multiecolóxico búscase asegurar unha estratexia territorial integrada, estimulando o crecemento da economía verde e circular e impulsando o sector madereiro usando a madeira como elemento estrutural da construción. Ademais, tamén quere fomentar a produción e consumo sostibles e mitigar o cambio climático.

Planificado para 1.200 vivendas, o barrio parte dunha densidade de poboación baixa, seguindo as estratexias de crecemento sostible. As solucións que se están a desenvolver no Barrio Multiecolóxico van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Crearanse redes de calor urbanas nas que poder reaproveitar a biomasa da zona para abastecer unha central de biogás a empregar en todo o barrio. Tamén haberá medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes.

Na construción incorpórase tamén unha estratexia de vexetación urbana, con cubertas e balcóns que poderán acoller cultivos hidropónicos, paneis solares e mesmo invernadoiros acristalados. Neste marco promoveranse as instalacións que vaian proveer produtos de alimentación e de carácter básico, que permitan o abastecemento da poboación. Instalaranse carrís bici por todo o barrio e sendas para fomentar a mobilidade alternativa e sostible. Estes espazos contarán tamén con estradas verdes e espazos naturalizados para mellorar a calidade e a integración paisaxística da contorna.

Ao seu arredor instalaranse máis de 15.000 árbores de diferentes especies autóctonas, nunha parcela demostrativa dunhas 16 hectáreas, para amosar o potencial de produción da madeira galega como produto renovable, reciclable, neutro en termos de carbono, de alta eficiencia enerxética e alta calidade para diferentes transformacións industriais. Todas as solucións urbanísticas e edificatorias empregadas neste primeiro Barrio Multiecolóxico recóllense nun Catálogo de Solucións Sostibles.