Erica tetralix L.

Carroncha, brezo de las turberas

Arbusto de pequeno tamaño, ata medio metro de altura. A casca do talo e pólas é de cor avermellada, con pelos de cor branca. Atopámola en solos moi acedos e pobres en nitróxeno de turbeiras ou brañas.

Familia: Ericaceae
Xénero: Erica

Distribución: Especie de distribución atlántica presente no oeste e norte de Europa. Na Península Ibérica podemos atopala no centro e norte. Frecuente en Galicia. Dende o nivel do mar ata os 2.100 m de altitude.

Follas: simples, perenenes, ciliadas, dispostas en verticilos de 4, de ahí o nome de “tetralix”, erecto patentes ou patentes, con unha banda abrancazada no envés, de bordo enteiro e recurvado. Nas ramas floríferas os verticilos de follas están moi próximos.

Flores: tetrámeras, bisexuais, en inflorescencia terminal unilateral de tipo umbela, corola urceolada con 4 pétalos de cor rosada. Sépalos moi pelosos, con pelos glandulares. Ovario tamén densamente peloso. Florece de maio a setembro.
Froito: cápsula globosa e veluda que se abre por catro valvas.

Observacións: Esta especie forma parte do hábitat prioritario da Rede Natura 2000 4020* Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix. Semellante é E. mackaiana Bab., con sépalos e ovario lampiños ou con poucos pelos non glandulares e ramas floríferas cos verticilos de follas distanciados. Crece no norte de España e é frecuente no norte de Galicia.