O Concello de Lugo en colaboración coa Universidade de Santiago implantará un Arboretum nunha das zonas verdes do Polígono de As Gándaras no marco do proxecto LIFE Adaptación ao Cambio ClimáticoLIFE LUGO+BIODINAMICO

O Concello de Lugo coordina desde inicios do pasado ano o proxecto Europeo LIFE LUGO+BIODINAMICO, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación de Lugo e a Universidade Politécnica de Madrid.

O proxecto LIFE LUGO+BIODINAMICO “Planificación dun barrio multi-ecolóxico como modelo de resiliencia urbana” é unha iniciativa altamente innovadora no contexto urbano europeo centrada a escala de barrios e áreas residenciais que sitúa á cidade de Lugo na vangarda da planificación urbana sostible. Dita planificación sostible contempla de xeito innovador e inclusivo medidas destinadas á mitigación e adaptación ao cambio climático no contexto urbano europeo que ademais implicarán de forma activa á poboación da cidade. Este tipo de planificación será un xeito de facer da cidade un lugar máis seguro, máis saudable, máis verde e máis vivible para os cidadáns e visitantes creando ademais numerosas e novas oportunidades de desenvolvemento.

O proxecto LIFE LUGO+BIODINAMICO ten como obxectivo principal “Establecer de xeito práctico na Cidade de Lugo unha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións de escala intermedia en barrios e áreas residenciais para acadar tecidos urbanos resilientes e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.” O ámbito de actuación do proxecto LIFE LUGO+BIODINAMICO está centrado no Parque Empresarial de As Gándaras onde tamén se abordará a súa planificación ambiental e paisaxística baseada na identificación e ordenación do Parque Lineal Verde da cidade e o deseño dun Plan Estratéxico de Infraestruturas Ecolóxicas.

Entre o conxunto de Actuacións Demostrativas que se levarán a cabo no marco do proxecto LIFE LUGO+BIODINAMICO, destaca a creación dun Arboretum nunha parcela de 5 hectáreas coa plantación de 55 especies de árbores e arbustos autóctonos como mostra representativa dos hábitats de Galicia, xunta a outras accións relevantes como son:

  1. Acondicionamento dunha parcela demostrativa de 4 hectáreas para Silvicultura de madeiras autóctonas en áreas urbanas.
  2. Adaptación dunha área de demostración de 1 Ha para experimentar con cultivos enerxéticos nun contorno urbano que producirá biocombustibles.
  3. Establecemento dun Souto de Castaños con variedades galegas tradicionais nunha parcela demostrativa de 3,6 hectáreas como reserva de biodiversidade e produtos autóctonos.
  4. Recuperación e potenciación dun bosque húmido, cunha superficie aproximada de 5 hectáreas, que será proposto para ser declarado como como ENIL (Espazo Natural de Interese Local)
  5. Establecemento dun módulo de Agricultura Urbana Integral en tramas experimentais da área de actuación
  6. Deseño e construción en madeira dun edificio piloto de alta eficiencia enerxética como actuación demostrativa para promover un efecto catalizador e multiplicador

En concreto a acción aprobada esta semana pola Xunta de Goberno do Concello  “Establecemento dun Arboretum de especies leñosas autóctonas en Galicia (ACCIÓN C8 do documento técnico do LIFE LUGO+BIODINAMICO)” suporá a implantación dun Arboretum que terá una superficie aproximada de 5 ha que estará localizado no polígono industrial As Gándaras. Estableceranse aproximadamente unhas 55 especies autóctonas entre arbustivas e arbóreas e distribuídas en 10 bosquetes, como se observan nos planos. O Arboretum representará para Lugo un espazo de divulgación e participación activa no que achegarse aos bosques máis representativos de Galicia.

A dirección dos traballos correrá a cargo do catedrático Antonio Rigueiro Rodríguez da Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

Os traballos de plantación levaranse a cabo en outono.

Mapa de localización da parcela do polígono de As Gándaras na que se implantará o Arboretum (Autor: USC)

Mapa de distribución das especies arbóreas e arbustivas que se implantarán no Arboretum (Autor: USC)