Gridshell instalada en PEMADE

logo WCTE2018Durante os días 20 a 23 de agosto preséntase, no Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira, o traballo sobre o prototipo de gridshell desenvolvido no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.

O Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira (WCTE 2018. Seúl, República de Corea) é o foro máis importante do mundo para presentar e debater acerca dos últimos desenvolvementos e innovacións en construción e enxeñaría da madeira. É o evento máis prestixioso neste eido, de celebración bianual, que concentra a enxeñeiros, arquitectos e investigadores de todos os continentes.

O traballo seleccionado para o WCTE describe o desenvolvemento do primeiro prototipo de gridshell, un sistema de cuberta estrutural realizada en Eucalyptus globulusque foi creado na Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, con enxeñeiros desta universidade e a Universidad Politécnica de Madrid. Trátase da primeira gridshell construída en España e a primeira no mundo desenvolvida con esta especie arbórea. O traballo de Antonio José Lara Bocanegra, Antonio Roig, Almudena Majano Majano e Manuel Guaita ten como título “Innovative developments in the designs and construction of a permanent elastic timber gridshell“.

Esta estrutura de madeira pódese visitar nas instalacións de PEMADE na Escola Politécnica Superior de Lugo, dentro do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela.

Gridshell instalada en PEMADE