Este xoves 25 de novembro o LIFE Lugo + Biodinámico estivo presente no lanzamento do Hub español de UrbanByNature celebrado no Centro Ágora da Coruña.
O proxecto foi presentado na sesión matinal do encontro, na palestra centrada no “Potencial das Solucións Baseadas na Natureza para promover a rexeración urbana“, xunto con proxectos das cidades de Oporto, Madrid, Santiago de Compostela e A Coruña.

A presentación do LIFE Lugo + Biodinámico fixo fincapé no avanzado estado de execución do proxecto, presentando o edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído integramente en madeira galega e que suporá o primeiro paso para desenvolver o futuro Barrio Multiecolóxico; o Catálogo de Solucións Urbanas Sostibles GUD-Lugo, que inclúe 51 medidas para un desenvolvemento sostible aplicables a diferentes escalas de intervención urbana e exportables a outras cidades de tamaño medio e a Calculadora de Efectos Ambientais, unha das ferramentas máis innovadoras, que pode ser de utilidade para outras cidades e proxectos de sostibilidade.

O programa internacional UrbanByNature, pertencente ao consorcio internacional Connectig Nature, promove o intercambio de coñecementos e capacidades entre gobernos locais de todo o mundo que estean implicados na busca de solucións sostibles e relacionadas coa natureza, co obxectivo de combater o cambio climático e facer fronte común aos desafíos urbanos actuais. Neste encontro déronse cita responsables de proxectos relacionados coas Solucións Baseadas na Natureza de diferentes cidades de España, Portugal e Irlanda, coa colaboración das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Coimbra e Dublin.