Os vindeiros días 17 e 18 de xuño, o LIFE Lugo + Biodinámico estará presente no Encontro da Plataforma LIFE: Acción Climática no sector da Construción, que se celebrará en Bruxelas.

Este encontro enmárcase dentro das actividades da Semana Europea da Enerxía Sostible, que se celebrará simultaneamente na mesma cidade. O obxectivo deste encontro é o intercambio de experiencias entre diferentes proxectos LIFE, así coma outros programas da UE relacionados coa eficiencia enerxética na construción. Tamén porá o foco en como a construción de edificios e vivendas pode ser resiliente a futuros cambios nas condicións ambientais, un dos principais eixos de traballo do noso proxecto.

Neste encontro analizaranse as boas prácticas que se están a desenvolver de cara a estender este modelo de construcción baseado na sostibilidade, coma a investigación en sistemas de calefacción e refrixeración sostibles, a mellora dos materiais de construción e o seu aillamento, o desenvolvemento de elementos robóticos para o aforro de enerxía e sistemas de redes intelixentes para a vivenda ou a integración de elementos para transformar as vivendas en xeradores de enerxía renovable para o autoconsumo.

Toda a información sobre este evento, así coma o programa, pode atoparse na páxina web da EUSEW.