• O proxecto, coordinado polo Concello de Lugo e cofinanciado pola Deputación de Lugo e a UE a través do programa LIFE, amosa unha nova identidade corporativa, que reforza os conceptos de sustentabilidade, protección do medio e aporta maior sensación de dinamismo.
  • A páxina web ten como obxectivo achegar LIFE Lugo + Biodinámico á cidadanía e servir como espazo de referencia para a información sobre iniciativas urbanas coas que combater o cambio climático.

Lugo, 13-09-2018

LIFE Lugo + Biodinámico é un proxecto que nace da necesidade de atopar solucións urbanas sustentables fronte ao cambio climático. Para conseguilo combina estratexias para a repoboación e recuperación de bosques autóctonos con iniciativas residenciais eficientes e accións para combater a pegada medioambiental e enerxética.

O proxecto, que xa está en desenvolvemento, presentaba ata o de agora unha identidade gráfica representada cunha castaña e apostaba polos tons marróns. Esta imaxe serviu como proposta inicial para a presentación do proxecto ante as institucións e entidades técnicas que colaboran no mesmo. Nesta segunda fase, de cara á presentación de LIFE Lugo + Biodinámico á cidadanía, apóstase por un cambio de identidade e unha nova páxina web que fagan o proxecto máis atraínte, replicable e usable.

 

Nova imaxe

A nova identidade corporativa de LIFE Lugo + Biodinámico está composta por un símbolo que representa un anel no que se integran vetas de madeira. Así, cohesiónanse os conceptos principais do proxecto: a madeira como materia prima e as capas de protección que pretende desenvolver.

A súa forma circular aporta dinamismo e fai referencia a unha idea esencial da cultura da sensibilización ambiental: a circularidade entendida como garante da sustentabilidade. A parte do logotipo está conformada por unha tipografía de pau seco e estilo moderno, cun peso considerable que garante a súa correcta lectura en escalas pequenas.

A cor elixida é dunha tonalidade intermedia entre marrón e granate, para manter unha relación co ton ocre da madeira e, ao mesmo tempo, vencellar o proxecto co vermello corporativo do Concello de Lugo.

Lanzamento da nova web

A nova páxina web de LIFE Lugo + Biodinámico, que se poderá visitar en www.lugobiodinamico.eu, achegará o proxecto e as súas actuacións á veciñanza. Nela, os cidadáns atoparán información actualizada das diferentes accións que se están a desenvolver e das que xa se levaron a cabo dende o inicio do proxecto, así como mapas nos que localizar cada iniciativa e información detallada.

A intención principal desta páxina é servir como punto de referencia de información do proxecto e, ademais, como espazo onde atopar exemplos de accións e iniciativas sustentables que se poden desenvolver dende o común da cidadanía.

A páxina permite, ademais, subscribirse a un boletín de noticias, ter acceso a contido multimedia descargable e acceder a información detallada sobre o conxunto das actuacións de LIFE Lugo + Biodinámico. Serán accesibles tamén datos sobre as fases de desenvolvemento, orzamentos, socios e mesmo información sobre outros proxectos LIFE cos que LIFE Lugo + Biodinámico participa formando sinerxias. Cumprindo co firme compromiso de transparencia do Concello de Lugo e do programa LIFE da UE, neste espazo publicaranse os resultados de cada unha das actuacións, que serán de acceso público.

LIFE Lugo + Biodinámico está presente tamén nas redes sociais, con espazos en Facebook, Twitter, Instagram e Vimeo.

 

LIFE Lugo + Biodinámico

LIFE Lugo + Biodinámico está coordinado polo Concello de Lugo e conta co financiamento da Deputación de Lugo e da Unión Europea a través do programa LIFE. Ademais, súmanse a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidad Politécnica de Madrid como socios colaboradores para os desenvolvementos técnicos.

O obxectivo final de LIFE Lugo + Biodinámico, que se desenvolverá ata o ano 2020, é deseñar unha serie de iniciativas tanto medioambientais como de desenvolvemento urbano que resulten exportables e replicables por outras cidades e entidades locais de tamaño medio en Galicia e en toda Europa.