Lugo Cidade Viva” é un boletín de novas que nace en febreiro de 2021 dende o Concello de Lugo co obxectivo de informar, concienciar e sensibilizar á veciñanza da cidade sobre os efectos do cambio climático, ofrecendo alternativas para combatelo a través da sostibilidade. Como incentivo durante o seu lanzamento, e para obter o maior número posible de subscricións, o Concello regalará un castiñeiro do bosque urbano das Gándaras do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico ás 450 primeiras persoas que se inscriban para recibir o boletín de novas na súa bandexa de correo electrónico.

O boletín “Lugo Cidade Viva“, que terá unha periodicidade quincenal, forma parte das iniciativas que o Concello está a desenvolver ao abeiro do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. Neste novo espazo na rede, as persoas subscritoras atoparán información relevante sobre as accións que se están levando a cabo no municipio en canto a sostibilidade, cuestións relacionadas coas novas prácticas e políticas de desenvolvemento urbano sostible e tamén sobre iniciativas semellantes noutras cidades do mundo.

En palabras da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, “queremos facer partícipe deste novo paradigma a todos os e as lucenses achegándolles as últimas novas sobre os avances que Lugo e o resto de cidades están a levar a cabo para ser máis resilientes fronte á emerxencia climática, así como información de como a cidadanía pode contribuír na loita contra o cambio climático no seu día a día”. Con esta iniciativa, o Concello busca implicar á cidadanía para crear conciencia social sobre un problema que afecta a toda a poboación como é o cambio climático e a contaminación atmosférica, partindo da premisa de que o coñecemento e a educación ambiental son fundamentais para entender as responsabilidades individuais e colectivas, así como os beneficios de coidar e preservar os recursos naturais dos que dispoñemos.

O proxecto “Lugo Cidade Viva” conta cunha páxina web http://lugocidadeviva.gal/, e tamén dispón de perfís en Facebook (/lugocidadeviva) e Instagram (@lugocidadeviva) nos que se compartirá contido relacionado coa temática medioambiental.