O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico organiza un encontro de cidades sostibles o 19 e 20 de decembro no Vello Cárcere
O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico encara a súa recta final organizando o encontro “Construíndo cidades sostibles” co que amosar o traballo realizado a través do proxecto na cidade de Lugo e promover intercambios formativos e achegas con outros proxectos europeos baseados na adaptación ao cambio climático. Neste evento de dúas xornadas daranse cita diferentes representantes institucionais, académicos e do mundo empresarial que porán en valor a aposta pola sostibilidade que se está a facer dende o Concello de Lugo. O evento celebrarase os días 19 e 20 de decembro, e constará dunha primeira xornada á que se poderá asistir en formato presencial ou telemático, que se desenvolverá no Vello Cárcere, e visitas guiadas ao edificio Impulso Verde e ás plantacións das Gándaras na segunda xornada, de xeito presencial.
A alcaldesa Lara Méndez será a encargada de abrir o acto do luns 19 no Vello Cárcere ás 9:15, acompañada de representantes das diferentes institucións socias do proxecto, como son a Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidad Politécnica de Madrid. Nesta presentación participará tamén Meline González-Piloyan, coordinadora de proxectos do Pacto dos Alcaldes e Boris Hinojo, xerente do LIFE Lugo + Biodinámico. As seguintes sesións desta primeira xornada centraranse no desenvolvemento das solucións as estratexias urbanas verdes que sentaron as bases do LIFE Lugo + Biodinámico e que servirán como modelo a outras cidades europeas de tamaño medio na adaptación ao cambio climático, tanto na construción sostible coma na planificación urbana.
A segunda xornada, o martes 20, terá lugar de xeito exclusivamente presencial na contorna das Gándaras, onde se visitarán as instalacións do edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público levantado en madeira de Galicia, e un percorrido polas diferentes accións demostrativas que se están a levar a cabo na zona, como é o establecemento dun souto, a área de frondosas autóctonas, o arboretum ou a recuperación do humidal.
A inscrición a este evento é completamente de balde e aberta a toda a veciñanza ata o día 15 de decembro ou cando se complete o aforo presencial de 75 asistentes. O formulario de inscrición e o programa poden consultarse aquí.