O Concello invita aos Bolechas a Lugo polo Nadal para que sexan eles mesmos os que repartan entre os nenos e nenas o seu último conto Os Bolechas  fan un barrio multiecolóxico en Lugo, no que dun xeito divertido contan como se contrúen vivendas e contornas urbanas máis ecolóxicas e sostibles.

Os personaxes infantís galegos mais coñecidos percorrerán as rúas do casco histórico lucense este venres 4 de xaneiro, a partires das 18:00 horas. Braulio, Sonia, Loli, Pili, Carlos e Tatá, así como o seu cadelo Chispa, percorrerán as rúas do casco histórico xunto co seu peculiar coche, saudando a todos os que se atopen.

O pasarrúas comezará na praza de San Marcos, fronte á Deputación de Lugo, cara a Praza de Santo Domingo, dende onde seguirá pola rúa da Raíña ata chegar á Praza Maior, fronte ao Concello, lugar no que terá lugar unha actuación musical dos Bolechas. Posteriormente, dirixiranse á praza de Campo Castelo ata o Vello Cárcere, onde se celebrará o final da festa e regalaranse os libros.

No novo libro dos Bolechas, estes famosos personaxes creados por Pepe Carreiro presentan aos máis cativos as actividades promovidas polo proxecto europeo Life Lugo + Biodinámico impulsado polo Concello de Lugo, pioneiro na planificación ecosostible en cidades de tamaño medio, aproveitando o uso de recursos naturais propios e potenciando a economía verde.

Entre as medidas a desenvolver figuran a construción do primeiro edificio público levantado con madeira de Galicia, o deseño do primeiro barrio multiecolóxico de España e a elaboración dun catálogo de solucións urbanísticas sostibles, exportable a outras cidades europeas.

O proxecto Life Lugo + Biodinámico está coordinado polo Concello de Lugo, co financiamento da Unión Europea a través do programa Life, do Concello e da Deputación de Lugo, e conta coas Universidades de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid como socias no seu desenvolvemento.