Corylus avellana L.

Abeleira, avellano

Arbusto ou pequena árbore frecuente nas beiras dos ríos e no estrato arbustivo dalgúns bosques, que pode acadar os 8-10 metros de altura, de copa ampla, densa e irregular, xeralmente ramificada dende a súa base. A súa casca é parda avermellada ao principio e grisácea na madurez.

Familia: Betulaceae
Xénero: Corylus

Distribución: Europa e oeste de Asia. Dende o nivel do mar ata os 1700 m de altitude.

Follas: caducas, simples, alternas, rugosas e ásperas, dobremente serradas, curtamente pecioladas, rematadas en punta curta e cunha base en forma de corazón. Cando as follas son novas son tomentosas (con pelos) polo envés e a face pero na madurez sólo polo envés.

Flores: unisexuais monoicas (flores masculinas e femininas na misma planta). As flores masculinas (amentos colgantes) aparecen na árbore antes que as follas; as femininas, protexidas por un invólucro de brácteas, dispóñense en espigas paucifloras. Florece de decembro a febreiro e fructifica de agosto a septembro.

Froito: noz (variante do aquenio co pericarpo leñoso) de forma case esférica protexida por unha cúpula foliácea, que encerra unha semente oleaxinosa comestible de cor branca e sabor agradable chamada abelá.

Observacións: o seu froito ten uns elevados contidos en aceite polo que é unha fonte nutritiva moi apreciada. As súas follas e a casca teñen propiedades adstrinxententes e empréganse para tratar varices ou hemorroides. As pólas son flexibles e empréganse en cestería e para facer toneis e bastóns.