Sorbus aucuparia L.

Capudre, serbal de los cazadores

O Capudre é unha árbore caducifolia de copa ampla que pode chegar ata os 20 m de altura. A súa casca é de cor gris, máis escura e agretada cos anos. Esta especie atópase formando parte de faiais, carballeiras, bidueirais, etc.

Familia: Rosaceae
Xénero: Sorbus

Distribución: Asia occidental e Europa. Abundante no norte da Península Ibérica en áreas de montaña sobre solos principalmente silíceos, frescos e húmidos. Dende os 300-600 m ata os 2.300-2.600 m de altitude (límite da vexetación arbórea).

Follas: caducas, alternas, ás veces con apariencia de opostas ou fasciculadas, pecioladas, compostas imparipinnadas (11-15 foliolos e aserradas na metade superior).

Flores: pentámeras, bisexuais, de cor branca. agrupadas en inflorescencias corimbiformes. Florece de maio a xullo.

Froito: pomo globoso, de cor vermella ou alaranxada, con sementes lisas e brillantes no seu interior. O froito madura desde finais do verán ata o outono e permanece na árbore no inverno, unha vez que as follas caen.

Observacións: Os froitos son ricos en vitamina C e son un alimento importante para a fauna silvestre no inverno, especialmente para as aves. As follas empréganse para curtir as peles, as ramas máis finas en cestería e a súa madeira en tornería e ebanistería pola súa flexibilidade. Especie moi empregada para fixar noiros e cauces de ríos, e como ornamental polas súas flores e froitos. As súas xemas ou brotes son moi veludos e non viscosos, característica que o diferencia do serbal común (Sorbus domestica L.), ademais do número de estilos (xeralmente 3 no capudre e 5 no serbal común) e da cor do seu froito (vermello ou alaranxado no caso do capudre e de cor parda amarelada no caso do serbal común).