Castanea sativa Mill.

Castiñeiro, castaño

Árbore de folla caduca, moi lonxeva (pode superar os 1000 anos de idade), que acada en condicións naturais os 25-30 m de altura. Desenvólvese ben en climas temperados e soporta fríos invernais intensos, aínda que é moi sensible ás xeadas tardías que se producen na primavera. O seu tronco é groso con casca lisa que coa idade vai escurecendo e rachando lonxitudinalmente. Dende o nivel do mar ata os 1300 m.

Familia: Fagaceae
Xénero: Castanea

Distribución: Península Ibérica, sur de Europa, desde Francia até o Mar Caspio, Hungría a Alxeria e franxa mediterránea de Marrocos.

Follas: caedizas, simples, alternas, oblongo-lanceoladas, de base redondeada, serradas na súa marxe, lampiñas pola face e con algún pelo no envés ao longo dos nervios.

Flores: unisexuais monoicas, as flores masculinas agrúpanse en amentos erectos moi longos e de cor amarela. Flores femininas xeralmente en grupos de tres protexidas por un involucro de brácteas e dispostas sentadas na base de algúns amentos masculinos. Florece de maio a xullo.

Froito: de tipo aquenio, a castaña, pechada dentro dunha cúpula espiñenta chamada ourizo. As castañas maduran nos meses de outubro e novembro.

Observacións: As castañas foron un alimento esencial en Galicia durante séculos e con elas elabóranse diferentes produtos (fariñas, licores, marmeladas, doces, etc.). A madeira do castiñeiro é de excelente calidade e utilízase na construción, na carpintería, na fabricación de mobles e na elaboración de barricas e bocois para madurar viños e licores. Das súas follas poden obterse tinturas e as abellas liban nas súas inflorescencias masculinas (candeas) para obter pole e producir o mel, alimento dun elevado valor enerxético e moi empregado como remedio caseiro para a tose ou o catarro.