Quercus pyrenaica Willd.

Cerquiño, rebollo

Árbore de tamaño mediano que pode chegar ata os 20-25 m de altura. A súa casca é primeiro lisa e de cor verde agrisada, pero co tempo vaise agretando. O tronco é dereito ou de forma irregular, con ramificacións dende a súa base. Prefire terreos silíceos.

Familia: Fagaceae
Xénero: Quercus

Distribución: sur de Europa (Francia e España) e norte de África (Marrocos). Dende o nivel do mar  ata os 2.000 m de altitude. Frecuente en Galicia, especialmente nas montañas orientais e nas comarcas de transición ao clima mediterráneo.

Follas: simples, alternas, profundamente lobuladas e aveludadas, cando chega o outono sécanse e permanecen na árbore sen caer durante o inverno (marcescentes) ata que na primavera son empurradas polas novas follas e caen ao solo. Esta peculiar característica permite que os brotes queden protexidos dos animais pola presencia das follas secas de sabor desagradable e pouco nutritivas, ademais de protexelos do frío e das xeadas durante o inverno.

Flores: flores unisexuais monoicas (masculinas e femininas na mesma árbore). As flores masculinas en inflorescencias de cor amarela chamadas amentos e as femininas en glomérulos axilares. Florece de abril a xuño.

Froito: de tipo aquenio, landra globosa de pedúnculo curto e amarga, protexida na súa base por unha cúpula con forma de cáliz recuberta de escamas imbricadas.

Observacións: Especie moi utilizada para a produción de leña e carbón vexetal.