Populus alba L.

Chopo branco, álamo blanco

Árbore caducifolia de crecemento rápido que pode alcanzar os 20-30 m de altura. O seu tronco é recto e groso. A súa casca é ao principio lisa e de cor branca-verdosa ou gris, pero co tempo aparece agretada lonxitudinalmente. Indiferente ao tipo de terreo sempre que teña humidade permanente.

Familia: Salicaceae
Xénero: Populus

Distribución: centro e sur de Europa, oeste de Asia, norte de África. Dende o nivel do mar ata os 1.200 m aproximadamente.

Follas: alternas, caedizas, simples, de borde dentado, anchas, de cor verde pola face e densamente cubertas de pelos de cor branca polo envés. Nos exemplares novos, nos rebentos de raíz e nos brotes de cepa ou poda soe presentar follas palmeado lobuladas pero noutras circunstancias soen ser festoneadas.

Flores: especie dioica, con flores masculinas e femininas en pés distintos, tanto unhas coma as outras núas (sen cáliz nin corola) e dispostas en amentos colgantes.Florece antes de que broten as follas (de febreiro a abril).

Froito: seco de tipo cápsula que se abre en dúas valvas. Cando o froito madura ábrese e solta as sementes provistas dun vilano de pelos brancos que favorece a súa dispersión polo vento.

Observacións: Madeira blanda que se usa para obter pasta de papel e para facer caixas e embalaxes. A súa madeira non se utiliza para leña ou carbón porque a súa combustión é lenta. Moi utilizada para restaurar zonas degradadas de ribeira e como planta ornamental polo seu esvelto porte e a cor das súas follas. A súa casca era utilizada antigamente para curtir e tinguir.