Juglans regia L.

Nogueira, nogal común

Árbore que pode acadar 25-30 m de altura, de copa ampla, casca lisa e agrisada.

Familia: Juglandaceae
Xénero: Juglans

Distribución: especie orixinaria de Asia Central que se distribúe dende o sur de Europa ata a India. En Galicia podemos atopala dende o nivel do mar ata os 900 (1.000) m de altitude. Prefire solos ricos en bases e profundos, non excesivamente acedos nin asolagados. Resitente ao frío pero non as xeadas tardías. Especie moi cultivada pola súa madeira e os seus froitos.

Follas: caducas, grandes, alternas, compostas imparipinnadas, con 5-9 foliolos ovalados ou lanceolados. As follas novas son aromáticas e algo pegañentas.

Flores: pequenas, unisexuais monoicas, as masculinas en amentos colgantes de cor verde e as femininas en grupos de 1-4 no extremo dos brotes do ano.

Froito: coñecido popularmente co nome de noz, en realidade é unha variante da drupa (trima) formada por unha semente con forma de cerebro, a parte comestible, encerrada por un endocarpo lignificado que, á súa vez, está recuberto por un mesocarpo fibroso cunha pel externa verde. Madura a finais do verán ou principios do outono, e ao madurar a envoltura externa ábrese para deixar saír o endocarpo coa semente no seu interior.

Observacións: O epíteto “regia” significa real e fai referencia ao seu porte maxestoso. A semente é rica en ácidos grasos insaturados que axudan a combater o colesterol. Madeira de cor escura, densa e pesada, duradeira, moi resistente, moi prezada en ebanistería. Boa leña e carbón. As follas conteñen taninos e outros compostos alelopáticos que inhiben a xerminación e o crecemento de outras especies baixo as nogueiras. A casca que envolve a noz (endocarpo coa semente no seu interior) utilizábase para curtir a pel e para obter nogalina que se utiliza como verniz. Tamén, no rural, para tinguir de negro as prendas de lá por mor dos loitos. As follas e os froitos son astrinxentes e o aceite das sementes vermífugo.