Quercus suber L.

Sobreira, alcornoque

A sobreira é unha árbore perennifolia moi lonxeva e de crecemento moi lento que pode acadar 20- 25 m de altura. O seu tronco é curto, a copa redondeada e densa. A casca do tronco e pólas é suberosa (cortiza). Prefire solos silíceos e soporta peor o frío e require máis humidade que a carrasca ou aciñeira.

Familia: Fagaceae
Xénero: Quercus

Distribución: Rexión Mediterránea. Abundante na Península Ibérica mediterránea. Escaso en Galicia. Dende o nivel do mar ata os 1.000 m de altitude.

Follas: perennes, simples, alternas, ovaladas ou redondeadas, pecioladas, coriáceas, de face verde escura, envés branquecino, algo pinchudas na marxe.

Flores: unisexuais monoicas (masculinas e femininas no mesmo pé), pouco vistosas, as masculinas reunidas en inflorescencias de tipo amento de cor amarela e colgantes e as femininas solitarias ou en parellas. Florece dende finais do inverno ata principios do verán.

Froito: de tipo aquenio, a landra, protexida na súa base por unha cúpula con forma de cáliz recuberta de escamas coa punta revolta, non son comestibles para os humanos por ser amargas pero si para moitos animais domésticos, especialmente os porcos, e silvestres.

Observacións: Da súa casca obténse a cortiza que ao extraela deixa ver un tronco de cor canela ou avermellada que se vai escurecendo co tempo. A súa madeira é un bo combustible.