Continuando coa actividade do proxecto destinada a xerar difusión e transferencia de resultados a empresas do sector, onte recibimos no Souto á xerente de Viveiros A Revolta de Cambre (A Coruña) e dúas persoas interesadas en establecer unha plantación de 22 Ha. de castaños en Boborás (Ourense).

Ademais de descubrir todas as iniciativas que engloba o Proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, durante esta visita mostráronse as experiencias e boas prácticas desenvoltas na plantación das 3,6 Ha de castiñeiros de cinco variedades galegas tradicionais, enxertadas sobre padróns híbridos resistentes á tinta: De Parede, Ventura, Negral, Branca e Garrida.

Os nosos visitantes tomaron boa nota do sistema de plantación efectuado, os coidados, as variedades plantadas, a fertilización e os resultados obtidos.

A difusión e transferencia dos resultados do proxecto é un dos principais obxectivos de LIFE Lugo + Biodinámico, para que as experiencias obtidas durante a súa execución sirvan de exemplo para desenvolvementos similares e se aproveite ao máximo o coñecemento que se está a extraer do proxecto.