A volta do verán trae novas actividades ao LIFE Lugo + Biodinámico.
Outro ano máis, volven os contacontos musicais ao Bosque Urbano. Os días 10 e o 11 de setembro se organizarán, na área dedicada ao Souto do noso Bosque, catro sesións de contacontos musicais.

As quendas desta edición serán o sábado 10 e o domingo 11 de setembro, ás 12h e 17h30 cada un dos dous días.
O acceso é de balde, pero para participar da actividade é precisa a inscrición previa, a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal. O espectáculo que se representa é unha obra teatral musical chamada “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco”. Esta obra, orientada ao público infantil a partir de 3 anos, quere difundir valores medioambientais, económicos e sociais relativos ao monte e o seu coidado entre as nenas e nenos.

Coma nas edicións anteriores celebradas nos meses de agosto e setembro do 2021, os contacontos musicais están organizados en colaboración con FEARMAGA, a Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia. As nenas e nenos asistentes recibirán un exemplar do conto “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco” e material didáctico do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.

Ao celebrarse nun espazo aberto e solleiro, recomendamos que as nenas e nenos leven gorra, protección solar e unha toalla para sentar. No caso de que chova, a actividade sería trasladada ao interior do edificio Impulso Verde..

Ubicación:

Souto en Google Maps

Impulso Verde en Google Maps