Co gallo do Día Mundial dos Humidais, celebrado este 2 de febreiro, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, defendeu a iniciativa para a conservación e coidados do humidal das Gándaras, un dos grandes patrimonios naturais de Lugo, que aspira a ser calificado como ENIL (Espazo Natural de Interese Local) por parte da Xunta de Galicia. Para conseguir a declaración, o Concello de Lugo vén de presentar un plan para preservar este espazo, dotado con 70.000 € que se invertirán nos vindeiros dez anos. En palabras da Alcaldesa: “Levaremos esta proposta tan importante para a protección deste espazo ao próximo Pleno para que a Xunta a avalíe”. Ademais, defendeu que “dende o executivo municipal levamos tempo traballando para conseguir a declaración de ENIL para este espazo natural único”.

No acto de presentación deste plan, que se desenvolveu conxuntamente coa USC, a Alcaldesa lembrou que “dende o Concello de Lugo estamos a traballar no deseño das cidades verdes do futuro, unindo sustentabilidade e progreso como dous dos piares nos que se fundamenta a nosa acción de goberno, o que nos está a situar á vangarda do desenvolvemento urbano sostible e a loita contra o cambio climático a nivel nacional e internacional. Neste senso, impulsamos a recuperación do humidal das Gándaras, como área natural de alto valor ecolóxico que se atopa no ámbito urbano do Concello, entre dous polígonos industriais que dan nome ao espazo”. O acondicionamento deste humidal, de 5 hectáreas de extensión, supuxo preservar a súa rica diversidade para que sexa un espazo de esparexemento de veciños e visitantes, pero tamén terá fins divulgativos, xa que acolle especies de flora e fauna de interese comunitario.

O humidal forma parte, ademais, do denominado cinto verde que envolve toda a cidade, desde oeste a noroeste, seguindo os cursos fluviais de tres ríos Miño, Rato e Fervedoira, e localízase tamén dentro da área de transición da Reserva da Biosfera Terras do Miño, a de maior extensión de Galicia. A FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) vén de premiar a recuperación do Humidal polo seu impacto e por ser exemplo para outras cidades. Este proxecto obtivo o segundo premio na categoría de Medio Hídrico na segunda edición dos Premios de Boas Prácticas Locais pola Biodiversidade, celebrado o pasado ano e outorgado pola Rede de Gobernos Locais+Biodivesidade, da Federación Española de Municipios e Provincias.

Tags: