O Día Mundial dos Humidais celébrase o vindeiro sábado 2 de febreiro. Este día, promovido polo Ramsar (o tratado das Nacións Unidas para a protección das áreas húmidas do planeta), céntrase nesta edición na divulgación de información sobre os efectos do Cambio Climático nos humidais. O LIFE Lugo + Biodinámico comprende dentro das súas accións a recuperación do humidal das Gándaras e a súa proposta como ENIL, polo que decidiu sumarse ás actividades que dende as Nacións Unidas se van desenvolver nese día e os vindeiros, co obxectivo de dar a coñecer a importancia deste tipo de terreos e a súa biodiversidade.

Dende o proxecto e enmarcado dentro do Foro Verde, desenvolverase o vindeiro 7 de febreiro unha iniciativa no CEIP de Albeiros, un dos máis próximos ás Gándaras. Nel presentarase o proxecto e informarase aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria sobre a importancia do humidal na loita contra o cambio climático e as diferentes accións que dende LIFE Lugo + Biodinámico se van levar a cabo para recuperar este espazo. Ademais, durante esta xornada regalaranse exemplares do conto dos Bolechas e material divulgativo para pais, nais e persoal do centro educativo.

Este evento tamén pode consultarse na páxina do Ramsar.