Este mércores 23 de marzo foron adxudicados os 12.600 m² dos novos espazos verdes que compartirán usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos no Barrio Multiecolóxico. Este novo espazo, repartido en tres parcelas, ofrecerá un innovador espazo axardinado. Trátase dunha intervención que se executa dentro do programa LIFE Lugo + Biodinámico e serán desenvolvidos pola UTE formada polas empresas Citanias Obras y Servicios e Mantemento Forestal, cun prazo de cinco meses para materializalos.

Esta actuación inclúe a creación de 1’2 hectáreas de terreo destinadas a zonas verdes dentro das que terán un especial protagonismo uns novidosos hortos ecolóxicos comunitarios artellados en prol dun obxectivo fundamental: propiciar a dinamización social e aproveitar a súa capacidade terapéutica e didáctica.

Todas as parcelas contarán con espazo para hortas urbanas, que serán divididas coa seguinte clasificación:

  • Horta Cidadá: o seu obxecto é compartir traballo, aprendizaxe e experiencias con xente da comunidade maior de idade.
  • Horta Terapéutica: pretende contribuír á mellora da saúde mental e física da poboación. As persoas utilitarias serán, en principio e por razóns de proximidade, pacientes do Centro de Rehabilitación Lugo Rúa e da Unidade Asistencial de Drogodependencias.
  • Horta para Maiores: A súa finalidade é servir de terapia en persoas da terceira idade.
  • Horta Escolar: destinado ao alumnado das escolas, especialmente das máis próximas, para que sexan visitados en compañía do equipo docente e aprendan, dende curta idade e de forma práctica, sobre cultivos.
  • Horta Familiar: dirixido a familias con crianzas.
  • Horta Didáctica: a súa principal finalidade é trasladar coñecementos e información ás e aos usuarios das parcelas sobre o seu mantemento e tamén será empregada para a realización de obradoiros afíns.

Ademais, todas as parcelas estarán provistas de zonas axardinadas e zonas estanciais e contarán con redes xerais de rego e de drenaxe e tubaxes de reparto de auga con cadansúa chave de peche en todos os bancais.

A selección de especies vexetais se levou a cabo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela seguindo criterios de tolerancia ás condicións do chan, a adaptación ao clima e o interese paisaxístico.