Este venres 15 de xullo o proxecto LIFE Lugo + Biodinámico recibiu ao alumnado da Fundación Laboral da Construción  de Monforte de Lemos, nunha visita na que puideron coñecer polo miúdo as especiais características do edificio Impulso Verde e o resto de accións que están a ser desenvolvidas na contorna.

Impulso Verde é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo en obter a certificación de proxectos FSC, unha prestixiosa garantía que confirma que esta construción non contribúe á deforestación e aposta polo produto local. Deste xeito, este edificio pioneiro convírtese nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

O interese que esperta este edificio no alumnado e profesorado dos diferentes ciclos formativos relacionados coa construción e o traballo en madeira débese ao innovador uso da madeira como elemento estrutural, así coma a súa aposta pola sostibilidade e o consumo enerxético case nulo, reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro.