O pasado xoves 21 de marzo celebrouse o Día Internacional dos Bosques e no LIFE Lugo + Biodinámico celebrámolo cunha xornada divulgativa en cooperación coa ONG Accem, entidade que traballa pola integración das persoas refuxiadas, a defensa dos dereitos fundamentais e a loita contra a exclusión social deste colectivo. Un dos proxectos para a integración da ONG é a “Rede Ariadna”, co que buscan promover a inserción social e laboral das persoas refuxiadas mediante a realización de obradoiros medioambientais para a busca de oportunidades laborais.

Esta xornada divulgativa tivo lugar na contorna das Gándaras, área na que se están a desenvolver as accións do noso proxecto. Alí déronse cita o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro, persoal da ONG e diferentes persoas orixinarias do Sáhara Occidental, de Colombia e de Venezuela. Alí, na zona do humidal, o grupo realizou unha plantación de árbores e coñeceu as diferentes accións que se están a desenvolver dende o LIFE Lugo + Biodinámico.

Esta iniciativa englóbase dentro das actividades do FORO VERDE que se desenvolven para divulgar todas as actividades que se están a levar adiante dende o proxecto na contorna das Gándaras e O Ceao.