O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico iniciou neste mes de xaneiro o seu Foro Verde, unha axenda de actividades divulgativas coa que dar a coñecer á cidadanía de Lugo todos os avances que se producen dentro do proxecto e cada unha das súas accións.

O Foro Verde estará conformado por todas as iniciativas que contemplen a devolución de información aos veciños e veciñas de Lugo, ben sexa a nivel xeral ou con actividades que involucren ás asociacións da cidade, aos centros educativos e a calquera entidade que non estea directamente implicada no proxecto.

Coa etiqueta [FORO VERDE] indicaremos tanto na axenda da nosa web coma neste espazo de novas, todos aqueles eventos do proxecto que estean dirixidos ao grande público. O Foro Verde comezou neste pasado Nadal, coas actividades para os máis cativos que contaron coa presenza dos Bolechas. Coa súa colaboración puidemos dar a coñecer o LIFE Lugo + Biodinámico entre o público escolar, repartindo exemplares do conto Os Bolechas fan un barrio multiecolóxico en Lugo, que tamén se pode descargar dende a nosa páxina web.