A semana do 12 ao 16 de novembro celebrarase en Bruxelas a terceira edición da EU Raw Materials Week, a semana das materias primas da Unión Europea, na que LIFE Lugo + Biodinámico contará cun espazo para darse a coñecer.

Estas xornadas estarán conformadas por unha serie de eventos que organiza a Comisión Europea para abordar as novidades e analizar o estado da arte sobre as materias primas, así como dar a coñecer o traballo que sobre as mesmas se realiza dentro da Unión Europea. Esta semana suporá unha oportunidade única para que a comunidade internacional intercambie opinións a nivel tecnolóxico, político e de cooperación, así como para que compartan bases de coñecemento sobre as materias primas e a súa transformación.

Neste contexto, o LIFE Lugo + Biodinámico formará parte do stand da Unión Europea sobre os Proxectos LIFE, cun protagonismo especial. O obxecto da presenza nestas xornadas é dar a coñecer o proxecto a nivel internacional e promovelo entre as cidades que poidan replicalo no futuro. Durante os días que dura a estadía dos membros de LIFE Lugo + Biodinámico aproveitarase para compartir información sobre a innovadora gridshell, galardoada a nivel internacional, e tamén para presentar resultados obtidos ata o de agora e as novas accións previstas nas fases futuras do proxecto.