LIFE Lugo + Biodinámico recibe o premio no Congreso Mundial da Enxeñaría da Madeira
Investigadores da Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (PEMADE) da Universidade de Santiago de Compostela reciben un galardón no Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira (WCTE 2018, Seúl, República de Corea) polo desenvolvemento, deseño e construción da gridshell do Campus de Lugo. Trátase dun premio outorgado no Congreso de enxeñaría en madeira máis importante do mundo, de celebración bianual, onde se dan cita enxeñeiros, arquitectos e especialistas da madeira de todos os continentes.
Esta estrutura foi desenvolvida no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico coordinado polo Concello de Lugo, no que participa a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid. O proxecto está financiado pola Unión Europea a través do programa LIFE e pola Deputación de Lugo.
A gridhsell de PEMADE componse de láminas de madeira en retícula curvadas elasticamente. Estas láminas constrúense a partires de pezas rectas e idénticas de madeira serrada. Esta técnica permite crear estruturas de grandes dimensións dobremente curvadas entrecruzando as láminas en capas sucesivas, coma se dun tecido se tratase. O traballo foi desenvolvido por enxeñeiros e arquitectos da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid. A equipa formada por Antonio José Lara Bocanegra, Antonio Roig, Almudena Majano Majano e Manuel Guaita presentou unha nova cuberta de tipo gridshell elástica, a primeira realizada en España e a primeira no mundo que emprega como material a madeira de Eucalyptus globulus.
Este primeiro prototipo de gridshell emprégase como almacén para madeira de PEMADE. A súa estrutura ten 24 m. de lonxitude que se apoia unicamente nos seus lados curtos salvando unha luz de 15m. e 4,5 m. de voo en cada extremo. O emprego de madeira de Eucalyptus globulus vén dado pola súa idoneidade e propiedades resistentes sen presentar practicamente nós. Trátase da especie forestal clasificada en Europa para uso estrutural con maiores propiedades resistentes. Este traballo achega varias novidades no ámbito das gridshell de madeira tales coma un concepto estrutural de cuberta longa apoiada só nun dos seus lados curtos e o emprego dunha terceira dirección de láminas dobradas para proporcionar rixidez á cizalladura no plano da cuberta.