Reunión de seguimento socios LL + B

O pasado venres 28 de setembro celebrouse no Centro de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo a reunión trimestral de control e seguimento do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. Nela o Concello de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidad Politécnica de Madrid e a Deputación de Lugo, socios e coordinadores do proxecto, analizaron os diferentes avances que o proxecto completou ata o momento.

Como elemento destacado desta xuntanza está a finalización da actuación sobre o Arboretum das Gándaras, que rematará a fase de plantación nas vindeiras semanas. En total, 15.000 árbores de 60 especies distintas serán plantados en 14 hectáreas de terreos públicos na zona das Gándaras. Ademais, aproveitouse a ocasión para comentar a nova identidade corporativa do proxecto e as novidades que aporta o redeseño da páxina web.

LIFE Lugo + Biodinámico, un proxecto de máis de 3.000.000€ financiado con fondos europeos e coordinado polo Concello de Lugo, está a desenvolver na zona norte da cidade unha serie de actuacións para transformar Lugo e a súa contorna. As iniciativas que se implementarán ata o 2020 comprenderán un novo urbanismo sustentable, melloras no aproveitamento forestal e cambios a nivel medioambiental e económico das que se beneficiará o conxunto da cidadanía. Este proxecto pretende convertirse nun modelo de adaptación ao cambio climático que se poida exportar a outras cidades ou entidades urbanas de similar tamaño.

Antes de que finalice o presente ano, os socios do proxecto reuniranse co monitor asignado pola Comisión Europea para a avaliación global do proxecto durante 2018.