A alcaldesa participou hoxe na presentación oficial da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada ‘Mass Madera’, onde se destacou que Lugo é un dos concellos españoles con maior implantación do uso da madeira como solución construtiva, medioambiental e económica.

A Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada valorou así o noso modelo de cidade, que foi eloxiado polo conxunto de organismos e iniciativas empresariais que a conforman.

A rexedora lucense explicou a esencia da Estratexia Life Lugo + Biodinámico na que destaca, como principal referente, o edificio Impulso Verde, construído integramente con este material e xerme do primeiro Barrio Multiecolóxico de España que, deseñado con ferramentas como o Catálogo de Solucións Sostibles, o Plan Estratéxico Biodinámico – recentemente aprobado – ou o Estudo das Zonas de Confort Climático, pretende ser un modelo replicable a outras cidades de tipo medio.

O modelo de cidade aplicado en Lugo foi cualificado como un gran exemplo da urbe do futuro con capacidade para afrontar os retos que aveciña o cambio climático con recursos propios que contribúen, á súa vez, non só á conservación do planeta senón tamén á dinamización produtiva dos territorios.

A Rede Mass Madera ten como obxectivo coordinar e fomentar o intercambio de coñecemento, a divulgación e a posta en valor dunha axenda en común que fomente a utilización da madeira maciza industrializada como unha das poucas alternativas ecolóxicas capaces de contrarrestar o contexto de emerxencia climática actual.