O Concello de Lugo conmemorou este luns o Día de Europa cun acto institucional presidido pola alcaldesa, Lara Méndez, no que tamén participaron representantes da corporación municipal. Previamente ao izado da bandeira da UE e a interpretación do himno oficial –Novena Sinfonía de Beethoven–, a rexedora procedeu á lectura dun manifesto no que expresou a necesidade de “reivindicar neste 2022, declarado Ano Europeo da Xuventude, unha unión efectiva na defensa dos valores de paz, democracia, xustiza e igualdade que promove Europa”.

Nos actos que se celebraron, organizados polo Concello, os asistentes puideron achegarse ás mesas informativas sobre os proxectos financiados con fondos europeos, especialmente o LIFE Lugo + Biodinámico, a través do que o Concello está a desenvolver novidosas propostas en favor dun urbanismo sostible e accesible a toda a cidadanía. Alí puideron coñecer de primeira man o impacto que o proxecto está a ter xa nas vidas das veciñas e veciños de Lugo, grazas a iniciativas coma o Catálogo de Solucións Urbanas Sostibles, a proxección do Barrio Multiecolóxico ou a construción do edificio Impulso Verde.