A Alcaldesa de Lugo Lara Méndez, o edil de Sostibilidade Urbana Álvaro Santos e o enxeñeiro Jesús Ángel Martínez presentaron o martes 20 de abril o Catálogo GUD – LUGO. Este catálogo, pioneiro en Europa, presenta unha serie de solucións urbanas sostibles para combater o cambio climático e está recollido dentro das accións a desenvolver no LIFE Lugo + Biodinámico.

O documento inclúe 51 medidas para un desenvolvemento sostible aplicables a diferentes escalas de intervención urbana e exportables a outras cidades de tamaño medio. En palabras de Lara Méndez, “trátase do primeiro catálogo de medidas urbanísticas para a adaptación ao cambio climático que inclúe fórmulas para calcular a melloría que suporía a súa aplicación en termos de emisións contaminantes, consumo enerxético ou captación de CO2, polo que será un referente non só en España senón tamén no ámbito europeo”. Ademais, a alcaldesa destacou que “Europa está a valorar moi positivamente o traballo que estamos a desenvolver en Lugo a través de distintas accións como o Impulso Verde, primeiro edificio público pasivo que se constrúe con madeira 100 % procedente de Galicia, o fomento da biodiversidade dos nosos bosques a través da plantación dun novo pulmón verde de 14 hectáreas entre As Gándaras e o Ceao, ou a creación do primeiro Barrio Multiecolóxico de España; pois considera que son exemplos xa transferibles a outras cidades da UE”.

As solucións recollidas neste catálogo poden ser consultadas a través desta ligazón Catálogo GUD – LUGO e están agrupadas do seguinte xeito:

  • Xestión da auga: pavimentos filtrantes, cubertas azuis, drenaxes de rúas, captación de auga nos edificios
  • Vexetación: cinto verde, parques, muros verdes urbanos, revexetación
  • Accesibilidade: itinerarios peonís seguros, vías ciclistas, xerarquización viaria
  • Urbanismo bioclimático: orientación na edificación, redes de calor
  • Economía circular: hortas urbanas, uso de materiais reciclados na urbanización, aproveitamento de residuos
  • Participación cidadá: naturación de espazos comunitarios, participación cidadá en procesos urbanos
  • Transversais: integración de solucións, eficiencia enerxética, métodos de seguimento

Na elaboración deste proxecto participou un equipo multidiscilpinar composto por especialistas nas diferentes temáticas de urbanismo que aborda o catálogo. Constitúe, así mesmo, un instrumento clave que se aliña directamente cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, así como o conxunto das axendas urbanas desenvolvidas nos últimos anos: desde Hábitat 111 ata o Pacto de Ámsterdam e o Eixo Atlántico. O documento está editado en galego, castelán e inglés, posto que a súa finalidade é converterse en referente en Galicia, España e a Unión Europea.

Tags: