No vindeiro mes de abril celebrarase en Madrid a 5ª edición de Rebuild, entre os días 26 e 28. Este encontro, que xa contou coa presenza do LIFE Lugo + Biodinámico no 2021, está orientado principalmente a profesionais da arquitectura e a construción avanzadas e ten como obxectivo a transformación do modelo construtivo actual cara solucións e alternativas sostibles e innovadoras, aplicando tecnoloxía e deseño de vangarda.
Neste showroom, no que tamén se celebra o Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada e Construción 4.0, teñen lugar palestras, debates, presentacións e demostracións de máis de 350 firmas e 400 expertos.

Esta semana vén de presentarse o programa do Rebuild 2022, onde o edificio Impulso Verde do LIFE Lugo + Biodinámico terá un protagonismo especial. A arquitecta municipal do Concello de Lugo, Susana Penedo, será a encargada de presentar o edificio Impulso Verde na conferencia “Edificios Zero Emisiones: Pioneros de la edificación descarbonizada” que terá lugar o 28 de abril ás 11h. Nela participarán tamén Toni Escudé, Director de Sostibilidade e Saúde de 011h Sustainable Construction e Iñaki Alonso, de SAAT Triple Balance.

Este encontro estará moderado por Gonzalo Anguita, o Director Executivo de FSC España, empresa que vén de certificar a madeira empregada na construción do edificio Impulso Verde. Nesta palestra, os poñentes presentarán os seus proxectos, que xa están a aplicar os principios da Folla de Ruta para a Descarbonización da Edificación en España, adiantando así o que serán os edificios Zero Emisións de Carbono a aplicar nas nosas cidades.
Esta conversa dividirase en dous bloques. No primeiro presentaranse os proxectos de cada un dos convidados e despois terá lugar un debate con preguntas orientadas polo moderador.

O Rebuild 2022 espera superar os 15.000 asistentes e poderá seguirse tanto de xeito presencial no IFEMA de Madrid coma de xeito telemático.