Este luns 12 de decembro, o Concello de Lugo recibiu á Axencia Executiva Europea do Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA), interesada en coñecer os avances do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. A Axencia, responsable de promover a aplicación do Pacto Verde Europeo amosou o seu interese por todo o traballo que se está a levar a cabo para estimular a sostibilidade da cidade de Lugo a través de apostas coma a reforestación con especies autóctonas ou a construción con materiais sostibles como a madeira, promovendo a eficiencia enerxética e a redución da pegada medioambiental.

Laura Giappichelli, membro da Axencia Executiva Europea do Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA) salientou que a cidade de Lugo, a través do proxecto LIFE, está a ser un modelo a seguir no desenvolvemento de espazos urbanos verdes para outras cidades da Unión Europea.

A alcaldesa Lara Méndez, acompañou á representante da CINEA e ao resto de membros que participaron na xornada, tanto do Concello de Lugo coma da Deputación e das universidades socias investigadoras. A rexedora salientou que dende o concello de Lugo “Traballamos na creación de infraestruturas verdes, unha mobilidade neutra en carbono, a eficiencia enerxética e uso dos recursos naturais, como a madeira” e engadiu: “Por iso, apostamos por integrar na nosa planificación urbana transformacións vencelladas a un desenvolvemento máis compacto e sostible, á creación de infraestruturas verdes, a un cambio de mobilidade neutra, a unha aposta importante pola eficiencia enerxética e ao uso dos recursos naturais, como a madeira, en sectores tan elementais para a redución de C02 como a construción”.

A xornada continuou cun repaso técnico a todo o proxecto LIFE Lugo + Biodinámico e finalizou cunha visita ao bosque urbano das Gándaras, concretamente á área de frondosas, cultivos enerxéticos, o souto, o Arboretum e o humidal e ao edificio Impulso Verde.