A Comisión Europea seleccionou a candidatura do Concello de Lugo e o LIFE Lugo + Biodinámico para participar no Programa Internacional de Cooperación Urbana e Rexional (IURC), que centra as súas accións no desenvolvemento urbano sostible e a innovación. A finalidade deste encontro é crear unha Rede Global de Referencia na que as cidades compartan experiencias e coñecementos, claves para a dimensión exterior da Unión Europea.

A través deste programa, Lugo será presentado nun encontro co país nipón como modelo de transformación de cidade, encabezado polo proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, que impulsa un urbanismo sostible a través da aposta pola madeira como material de construción das cidades resilientes contra o cambio climático, con iniciativas coma o edificio Impulso Verde ou o primeiro barrio multiecolóxico de España. Nesta candidatura valorouse a capacidade de adaptación de Lugo ao cambio climático, que os proxectos se executen aproveitando os recursos naturais propios como a madeira, e a aposta por fomentar a economía verde e circular.

Lugo acudirá a Xapón a dar a coñecer a súa experiencia, e este intercambio inclúe experiencia de gobernanza e coñementos a varios niveis, visitas de estudo e a creación de sinerxías. Lara Méndez destaca a importancia desta oportunidade a efectos de promoción social e económica “xa que tamén traballaremos para que poida ser unha porta de entrada para inversores”. A alcaldesa indicou “que a candidatura abordará redes temáticas vinculadas coa transición ecolóxica e a economía circular, a renovación urbana e a agricultura e mobilidade sostibles”.

O Programa Internacional de Cooperación Urbana e Rexional (IURC) organízase entre cidades, e neste caso Lugo irá a Xapón con Donosti.

Tags: