Ponse en marcha Lugo Transforma
Coa adxudicación do contrato de xestión de Lugo Transforma, o Concello avanza no seu compromiso de impulsar e diversificar o tecido produtivo lucense mediante o apoio a proxectos de alto impacto social e ambiental, moitos deles vinculados coa economía verde que está a xerar o LIFE Lugo+Biodinámico.
Lugo Transforma é unha estratexia pioneira en Galicia no ámbito municipal, coa que o Concello de Lugo mobilizará 12 millóns de euros a través dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade, co que atraer empresas e crear emprego sostible.
Este proxecto conta coa maior contía que o Concello pon a disposición de pequenas e medianas empresas na súa historia, o que, segundo as palabras da alcaldesa, se sumará a outra importante vantaxe “como é a proxección que lle están a aportar, tanto en Galicia como fóra da comunidade, os proxectos que temos en marcha a través do LIFE Lugo+Biodinámico cos que estamos a deseñar as cidades de futuro, co apoio europeo e das Universidades, sendo un exemplo do cambio de paradigma construtivo a modelos sostibles”.
A estratexia articularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores mediante a modalidade de fondo de capital risco. Seguirán as pautas xa marcadas para converter Lugo nun modelo de cidade á vangarda da economía verde e circular e deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.
O Concello apostou por este tipo de fondos, que son moi apoiados no ámbito da Unión Europea porque, por unha banda, permítelle ás empresas o acceso ao financiamento de iniciativas que terían dificultades para acudir a recursos de fontes financeiras tradicionais e, por outra, pola rendibilidade xerada e a súa contribución ao crecemento económico e á creación de emprego de calidade.