Mañá día 20 de novembro ás 11am celebrarase a presentación do edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construido enteiramente en madeira galega, que será o primeiro paso para o desenvolvemento do primeiro barrio multiecolóxico de España.

A presentación terá lugar no Salón de actos do Centro de Empresas e Innovación Nodus do Concello de Lugo, situado na Avenida da Coruña número 500 (o antigo cuartel de Garabolos). Nela participarán a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro e o director de PEMADE, Manuel Guaita, responsable do equipo técnico que desenvolve o proxecto do edificio Impulso Verde.

Este edificio, recollido no marco das Accións de Implementación do proxecto, nace con vocación de converterse nun referente de cambio na loita contra o Cambio Climático da sociedade galega propoñendo un novo modelo construtivo respectuoso co medioambiente. Suporá unha alternativa aos modelos construtivos convencionais, altamente contaminantes e de baixa eficiencia enerxética, baseados fundamentalmente nas tecnoloxías do aceiro e o formigón armado.
A través do emprego de novos produtos estruturais e construtivos de orixe local de alta calidade e respectuosos co medioambiente marcará un antes e un despois na aplicación de técnicas de construción sustentable servindo de exemplo material para actuacións futuras, tanto a nivel construtivo coma enerxético e urbano.