O pasado mércores 27 de febreiro tivo lugar unha xuntanza de traballo entre responsables dos proxectos LIFE Lugo + Biodinámico e o LIFE CerSuds de Benicàssim.
O motivo desta reunión foi, por un lado, coñecer os avances actuais de cada un dos proxectos como resultado do compromiso de colaboración e establecemento de sinerxias entre as iniciativas LIFE e, polo outro, concretar o envío de material cerámico para a instalación de pavimento filtrante.

Este material cerámico, desenvolvido polo LIFE CerSuds, será proporcionado de balde e instalado nas áreas de actuación do proxecto contando co soporte técnico e o asesoramento do equipo que o desenvolveu. Os resultados que se recollan en Lugo serán enviados posteriormente ao LIFE CerSuds para a súa análise.

O funcionamento do pavimento filtrante do LIFE CerSuds e a súa implementación na cidade, que vén de finalizar a súa fase demostrativa, explícase moi ben con este timelapse que podemos atopar na súa páxina web.