Este venres 7 de xuño vaise reunir en Lugo o Comité de expertos para iniciar a licitación do Plan Estratéxico Biodinámico da cidade, que sentará as bases do futuro barrio multiecolóxico de Lugo, un dos alicerces do LIFE Lugo + Biodinámico. Este plan pretende converterse nun exemplo de desenvolvemento urbano residencial que poña en valor a madeira autóctona e a xestión sostible dos bosques.

O comité de expertos que se encargará da valoración das propostas presentadas conta con experiencia na avaliación de licitacións de proxectos de enxeñaría e arquitectura, cun marcado carácter intelectual. Dentro das súas funcións está valorar que cada unha das propostas desenvolvan unha planificación urbana que sirva como modelo de adaptación ao cambio climático para a cidade de Lugo e outros municipios de tamaño semellante na UE.

Así, os criterios obxectivos a valorar serán: a calidade técnica da proposta, na que se recollerá o cumprimento dos obxectivos do Plan Estratéxico Biodinámico, así como a orixinalidade, innovación e versatilidade da proposta; e os criterios relacionados co Marco Europeo de Referencia para as Cidades Sostibles, que valoren a adecuación das propostas en canto a dimensión espacial, de goberno, social, económica e ambiental.

O comité de expertos está composto por Raúl José Veiga Lamelas, arquitecto e presidente en funcións da delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Lugo; Gerardo Pallares Sánchez, enxeñeiro e representante provincial do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia; Pedro Calaza Martínez, decano do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia e Antonio Rigueiro Rodríguez, Doutor Enxeñeiro de Montes e catedrático de Universidade no Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría na Universidade de Santiago de Compostela.
Ademais, por parte do Concello de Lugo participarán no Comité Marta Carballal Neira, enxeñeira de Camiños, Canles e Portos do Concello de Lugo e Ana Isabel Sáez Mancebo, técnica de administración xeral do servizo de contratación do Concello de Lugo.

Nos vindeiros días coñeceremos o resultado da avaliación por parte do Comité ás diferentes propostas presentadas, así como a gañadora que desenvolverá o Plan Estratéxico Biodinámico que se implementará na cidade de Lugo.