Ao longo de toda a pasada semana, diferentes integrantes do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico participamos en palestras e experiencias divulgativas no CEIP Illa Verde, dentro da iniciativa Foro Verde. O luns, mércores, xoves e venres, alumnos e alumnas dos diferentes cursos de Primaria puideron coñecer todas as actividades que o proxecto vai desenvolver na cidade e a súa contorna, así como familiarizarse coas especies autóctonas coas que se está a repoboar a zona.

Cada curso realizou diferentes actividades que comprenderon a observación e análise das especies e tamén traballo de campo coa plantación de árbores dos nosos bosques. Na nosa galería de imaxes podedes ver que todas foron acollidas con moito interese.

Agardamos que esta iniciativa sementase ademais o interese e as ganas de coñecer e respectar a nosa contorna, pensando tamén no futuro. As visitas aos centros de ensino primario de Lugo continúan nas vindeiras semanas. Se queres saber cales serán as seguintes, bota un ollo á nosa axenda ou subscríbete ao noso boletín para coñecer todas as noticias.