A alcaldesa de Lugo Lara Méndez supervisou este xoves cos medios de comunicación o avance das obras do edificio Impulso Verde, estandarte do proxecto e xermolo do novo barrio multiecolóxico do LIFE Lugo + Biodinámico. O Impulso Verde será o primeiro en España e un dos poucos no mundo que vén de acadar a certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship Council). Este visado garante que toda a madeira empregada, igual en estruturas que en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais.

Durante a visita ás obras do edificio, Lara Méndez apuntou que “a certificación que vimos de acadar garante que a obra non contribúe á deforestación e aposta por un produto local, á vez que ofrece máxima eficiencia e convértese en ferramenta activa de loita contra o cambio climático”. Ademais, engadiu que “este recoñecemento supón un novo pulo ao proxecto co que Lugo se sitúa á vangarda no urbanismo sostible e o deseño das cidades verdes do futuro. É un privilexio contar na nosa cidade coa primeira edificación que acada este certificado no país, o que nos anima a seguir traballando nesta liña para acadar novos obxectivos e, sobre todo, para acadar un Lugo máis moderno, sostible e resiliente”.

Impulso Verde conta cunha estrutura “de quilómetro cero”, que está feita en madeira certificada 100 % procedente da Mariña Lucense, e foi tratada en plantas de Alfoz e Trabada e integrada en estruturas de paneis contralaminados CLT de alta calidade técnica que estes días instala a empresa adxudicataria do proxecto. O medios de comunicación puideron observar durante a visita o avance das obras: xa se levou a cabo a montaxe da estrutura da planta baixa e as tres plantas superiores, e actualmente estanse rematando paredes e tubos de ventilación, traballos previos á colocación da escaleira que se iniciará nos vindeiros días. A continuación procederase a instalar o armazón norte e finalmente a cuberta gridshell. Unha vez finalizada a montaxe da estrutura, levarase a cabo o recubrimento do exterior con pizarra de Galicia, así como a división interior, tabiquería, carpiterías interiores, e por último, a dotación de mobiliario.

Grazas ao distintivo que vén de obter, o edificio Impulso Verde converterase nun novo referente internacional no ámbito da construción sostible. Outros famosos proxectos certificados FSC no mundo son o Canary Wharf Crossrail Place de Londres ou a pasarela do recinto feiral BuGa preto de Bonn. Así mesmo, o inmoble tamén acadará a certificación ambiental Verde ou Selo Verde. Esta é unha certificación que se realiza sobre rehabilitacións ou novas edificacións, como é o caso, e que avalía se o edificio cumpre con determinados estándares de calidade para construcións sostibles.