As obras do edificio Impulso Verde, que se levantará na zona da Garaballa no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, foron adxudicadas por 1,5 millóns á empresa EGOIN S.A. a pasada semana. Esta compañía chegou a un acordo co serradoiro lugués Hijos de Ramón Rubal, situado en Alfoz, para o subministro da madeira, co que o Impulso Verde será, así mesmo, o primeiro edificio público de Galicia que se constrúe na súa totalidade con madeira autóctona certificada, concretamente da Mariña, cumprindo un dos requisitos fundamentais que establecía o prego de condicións elaborado polo executivo municipal.

Este luns 7 de setembro, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, acompañados polo deputado provincial Pablo Rivera e o rexedor de Alfoz, Jorge Val, visitaron as instalacións do serradoiro que será o encargado de subministrar os 430 m3 de madeira necesarios para fabricar os taboleiros que se empregarán na construción do Impulso Verde. A delegación institucional mantivo un encontro cos seus xerentes para coñecer de primeira man este centro de traballo, un referente do sector forestal no norte da comunidade.

Durante a visita Lara Méndez destacou que “dende que puxemos en marcha o proxecto e, pese as dificultades iniciais, mantivemos o noso firme compromiso de apostar pola madeira do noso monte como principal elemento construtivo do edificio, pois queremos demostrar que un novo modelo construtivo máis respectuoso co medio ambiente non só é posible, senón que ademais, pode axudar a dinamizar un sector que conta cun gran peso na nosa economía como é o forestal”.

O modelo de construción no que está baseado o Impulso Verde implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Polo que se refire ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións. O Impulso Verde será a semente do primeiro Barrio Multiecolóxico que se construirá en España desde cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias, que tamén se recollerán nun pioneiro Catálogo de Solucións Sostibles do LIFE Lugo + Biodinámico.