A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ten unha folla estratéxica de presente e futuro para Lugo desde o inicio no mandato pasado que pasa por aproveitar as potencialidades enormes do municipio nun momento de transición ecolóxica.

Fala constantemente da segunda gran transformación lucense pero, en que se concreta esta transformación?:

– A aceleración do cambio climático obríganos aos municipios a adaptarnos ante os seus efectos, iso é o que nos di Europa, pero para nós, desde hai anos, é unha convicción de Goberno xa que cremos que o futuro está nas mans das cidades que saiban integrar o verde urbano, a produción de enerxía renovable, a eficiencia enerxética, a mobilidade menos motorizada ou a economía circular nunha estratexia territorial de adaptación ao cambio climático. Por iso loitamos no pasado mandato por acadar os primeiros fondos europeos que nos permitisen camiñar cara a ese gran reto, e conseguímolo fronte a 1.400 solicitudes presentadas en toda Europa. Grazas a iso xa estamos a desenvolver as estratexias do LIFE Lugo + Biodinámico, que suporán parte desta gran segunda transformación sostible que complemente a desenvolvida polo alcalde Orozco.

Pero non cre que para os cidadáns o cambio climático é aínda un concepto abstracto?

Poder ser, pero todos estamos xa a percibilo porque notamos as transformacións climáticas, aínda que creo que a cidadanía tarda en relacionar os efectos que se producen coa súa vida cotiá, coa vivenda, o emprego ou o nivel de vida. Pero ese é tamén un desafío que temos por diante, o da concienciación, porque a loita contra a crise ambiental é tamén unha aposta pola xustiza económica e social. É unha aposta para mellorar a vida das persoas e para deixar un futuro mellor para os nosos fillos, pero tamén é unha oportunidade económica xa que a economía verde é un camiño de dinamización que en Lugo non podemos nin queremos deixar pasar.

Antes falaba de primeiros fondos europeos, haberá máis?

– Niso estamos xa a traballar desde o minuto un deste novo mandato, na consecución de novas vías de financiamento de Europa para continuar con esta estratexia. Se agora estamos, da man das investigacións do Campus Terra e da Universidade Politécnica, posicionando Lugo como o centro do deseño das cidades sostibles do futuro con ferramentas que poidan ser exemplo e ser replicadas noutras urbes medias, temos que ir aplicando as novas estratexias no noso propio municipio, coa configuración de novos ecobarrios e co impulso da economía verde. Pero os novos fondos que academos tamén deben servir para adaptar os barrios que xa temos a esta nova realidade de eficiencia ecolóxica.

Cales son as medidas pioneiras que está a pór en marcha Lugo?

– A estratexia LIFE é moi ampla, pero podemos destacar tres principalmente: o Edificio Impulso Verde, que será o primeiro edificio público levantado con estrutura de madeira galega onde se aplicarán medidas ecosostibles e que será o inicio do barrio multiecolóxico que impulsaremos coa iniciativa privada, que será o primeiro de España destas características. Ademais, finalizamos xa un pioneiro catálogo con medidas sostibles, que tamén será único en España e incluso en Europa, xa que incluirá medidores e obxectivos medioambientais. Por iso dicimos que desde Lugo estamos a marcar as pautas do deseño das cidades medianas do futuro, e facémolo desde o exemplo.

E como dinamizarán estas medidas a economía?

– Esta estratexia está vencellada cun dos nosos recursos naturais máis potentes, a madeira, porque é a madeira o elemento estrutural do urbanismo sostible que defendemos. E Lugo e toda a provincia é unha potencia no sector madeireiro. Este novo camiño permitirá crear toda unha industria verde que pode axudar a darlle valor engadido ao sector. É moi importante que entre todos, entre as administracións públicas e os ámbitos privados, poidamos xerar sinerxias tamén económicas arredor de todo o coñecemento que nos aporta a universidade para ser valentes e dar os pasos que Europa nos marca nesta transición ecolóxica imparable.

Esta entrevista foi orixinalmente publicada no Especial sobre o LIFE Lugo + Biodinámico publicado por El Progreso que podes descargar completo nesta ligazón.