O martes 6 de agosto tivo lugar no Concello de Lugo a presentación das características enerxéticas e de consumo do edificio Impulso Verde, da man da Alcaldesa Lara Méndez.

Impulso Verde, que se erguerá na Garaballa, aforrará un 74% de consumo enerxético e reducirá as emisións de CO2 un 90%. Este será o primeiro edificio público de Galicia de madeira autóctona e a semente do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España, e a súa licitación aprobarase na vindeira Xunta de Goberno Local, que terá lugar hoxe mércores 7 de agosto. Contará cun orzamento de 1.040.503 euros para o seu desenvolvemento e o prazo de execución será de 12 meses máximo.

A presentación das características do edificio fíxose xunto cos representantes dos socios do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico: Pilar García Porto, voceira da Deputación; Belén Feijóo, arquitecta do Campus Terra, e Luis Ruiz, da UPM. “Este edificio piloto nace coa vocación de converterse nun referente na loita contra o cambio climático na sociedade galega, propondo un novo modelo construtivo realizado na súa totalidade con estrutura de madeira local”, declarou a Alcaldesa. Por iso, insistíu, “suporá unha auténtica revolución no modelo de construción urbana, baseada no mellor que temos, os nosos recursos naturais, para minimizar o impacto ambiental e mellorar a calidade de vida dos e das lucenses”.

O edificio Impulso Verde terá un balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome. O edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinados ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos. De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

Podes consultar todos os datos relativos ao consumo enerxético do Impulso Verde neste descargable: Presentación características Edificio Impulso Verde