O pasarrúas celebrado o pasado 4 de xaneiro coa presenza dos irmáns Bolechas pola cidade de Lugo resultou ser un éxito de asistencia e acollida entre os máis cativos da cidade.

Máis de 500 persoas acompañaron aos Bolechas polo seu paseo pola cidade dende a praza de San Marcos, pasando pola rúa da Raíña e a praza Maior, e para a entrega posterior, no Vello Cárcere, do conto Os Bolechas fan un barrio multiecolóxico en Lugo, que se repartiu de balde entre as persoas asistentes. Neste conto, os irmáns Bolechas participan na construción de vivendas ecolóxicas e sostibles e dan consellos aos pequenos e pequenas para transformar o seu fogar e da súa cidade en lugares máis sostibles.

O acto contou coa presenza, ademais, da Alcaldesa Lara Méndez, o voceiro municipal Miguel Fernández, as concelleiras de Cultura e Benestar Social Carmen Basadre e Ana González Abelleira. Asistiron tamén o deputado provincial de Relacións Institucionais Álvaro Santos e a adxunta á Vicerreitoria de Coordinación do Campus de Lugo para a Investigación, María Elvira López Mosquera.

Este pasarrúas e o conto editado forman parte das actividades de divulgación Foro Verde que LIFE Lugo + Biodinámico ten preparadas para a difusión do proxecto entre a veciñanza. Concretamente, este é un dos eventos organizados para dar a coñecer o proxecto entre o público miúdo.