A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, presentaron este luns 28 de marzo ao equipo de dirección e técnico do Climate Smart Forest Economy Program o edificio Impulso Verde, construído no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.

O grupo do Climate Smart Forest Economy Program estaba composto por 15 expertos en clima, sostibilidade, xestión forestal e urbanismo, procedentes de 6 países de 3 continentes diferentes: Sudáfrica, Estados Unidos, Suíza, Francia, Reino Unido e Croacia.

Os expertos valoraron de maneira moi positiva tanto o edificio como o bosque urbano, que tamén percorreron, e o Barrio Multiecolóxico, proxectos municipais que solicitaron coñecer de primeira man aproveitando que celebran en Galicia a reunión anual do seu Comité Directivo. O seu obxectivo é poñer en valor exemplos que, como o de Lugo, integran estratexias innovadoras e sostibles na loita contra o cambio climático.

O CSFEP conta coa colaboración de socios coma o Foro Económico Mundial e EIT Climate-KIC, principal iniciativa de innovación climática da UE. Financiado pola Fundación Good Energies e co apoio de Dalberg Catalyst, ten como principal obxectivo velar por que a cadea de valor dos bosques e as economías dependentes dos mesmos sexan climaticamente intelixentes e poidan garantir o benestar ambiental e social da súa contorna.