Entre os días 1 e 3 de setembro terá lugar o PLEA2020, o 35º Congreso de Arquitectura Sostible e Deseño Urbano. A temática desta edición estará centrada na planificación das cidades post-carbono e nas solucións de deseño, arquitectura e urbanismo sostibles.
Este congreso, que estaba inicialmente pensado para celebrarse na cidade da Coruña, terá lugar de xeito telemático para respectar as medidas sanitarias e garantir a seguridade tanto das persoas asistentes coma dos poñentes que participarán en cada unha das palestras.

Ao longo de tres días este congreso debullará as diferentes iniciativas, estudos e aplicacións que se están a levar a cabo a nivel internacional nos eidos da arquitectura e o deseño sostibles. Os desenvolvementos urbanos, as iniciativas en construción e planificación serán analizadas a través de conferencias, obradoiros e publicacións que se presentarán durante estas xornadas. A comunidade que conforma a asociación PLEA engloba a milleiros de profesionais, académicos e estudiantes de 40 países, que buscan partillar todo o relacionado coa arquitectura pasiva e a construción de baixo consumo.

A temática da edición deste ano é a Planificación de cidades post-carbono, explorando a interacción entre a investigación, a tecnoloxía e o deseño para poder definir e planificar as cidades do futuro. É aí onde entra o LIFE Lugo + Biodinámico. O noso proxecto participará o xoves día 3 na sesión EDU-3: Education das 7h05 ás 7h55 pm, xunto coas universidades de Edimburgo, de Venecia, de Cali e de Minas Gerais, presentando a planificación do noso Barrio Multiecolóxico como modelo de resiliencia urbana exportable a outras cidades de tamaño medio. Esta palestra será impartida por Boris Hinojo, xerente do proxecto, e participarán Susana Penedo, arquitecta municipal do Concello de Lugo e Susana Martínez, enxeñeira de 3edata e a documentación que se presentará pode ser descargada aquí.

O obxectivo da conferencia deste 2020 é reunir a deseñadores, académicos, investigadores, estudantes e profesionais na busca de mellores contornas e máis sostibles.

Tags: