A páxina web do Concello de Lugo recolle os datos que o estudo realizado nos meses anteriores á crise do COVID desvelou sobre a sensibilidade que a cidadanía de Lugo ten no relativo ao cambio climático.

Así, o informe desvelou que o 91% dos lucenses pensa que o cambio climático é unha realidade e o 84,5%, que a solución virá da man dun compromiso entre cidadanía e institucións. Este estudo, realizado a unha mostra de 400 veciños e veciñas da cidade, céntrase tamén no labor do LIFE Lugo + Biodinámico no desenvolvemento dunha cidade máis sostible. De feito, máis do 75% dos enquisados apostan por fomentar o uso da bicicleta na cidade e apostan por ampliar zonas verdes urbanas e impulsar o uso de enerxías renovables.

A sondaxe foi elaborada polo equipo que traballa na planificación en Lugo do primeiro barrio multiecolóxico de España, “barrio que será un referente na construción das cidades sostibles e resilientes do futuro e que, vistos os problemas que sufrimos no confinamento, nacerá xa preparado para dar unha mellor resposta de habitabilidade e de novos espazos urbanos. Esta crise reafírmanos na nosa idea de que imos avanzando no bo camiño”, avanza Lara Méndez.

A alcaldesa tamén salientou que “Os resultados da mostra confirman a preocupación xeral da cidadanía polo cambio climático e poñen de manifesto a necesidade de investir en políticas públicas e medidas coas que reverter os seus efectos e consecuencias”.

Os resultados deste estudo, debullados polo miúdo, poden consultarse aquí.